A Catedral construída no século XIII recolle, cunha planta de cruz latina, diversos estilos arquitectónicos (románico, gótico e barroco) e conta cun claustro interior que dá acceso ao Pazo Episcopal. Desta construción é preciso salientar o rosetón situado na fachada principal e as pinturas murais de época medieval da nave central.
A última gran reforma na mesma ten lugar na fachada no século XVIII. Esta consiste na construción de dúas novas torres cadradas en substitución das anteriores redondas e máis pequenas. No 1718 inaugúrase a primeira (a da esquerda) e no 1720 a segunda (da dereita).
Merece tamén mención o Museo Catedralicio que se atopa no interior da mesma e que está considerado como un dos mellores de España.
O Pazo Episcopal foi a residencia dos bispos mindonienses dende que se constitúe como sé da Diocese. O edificio, anexo á Catedral, vai medrando en paralelo a esta. As últimas grandes reformas foron levadas a cabo no século XVIII: no ano 1760 refaise a parte do Palacio que dá á Praza e, entre os anos 1789 e 1790, amplíase a edificación co pavillón que dá á actual Rúa da Fonte, fronte á Fonte Vella.
A mediados do século XVI a fonte da cidade non era axeitada para abastecer á poboación adecuadamente. Tratábase dunha fonte feita a xeito de balsa.
A nova construción foi asumida polo bispo Diego de Soto rematándose a mesma en 1548, tal e como indica a inscrición fundacional. Esta fíxose en cantería máis abaixo ca a anterior e, na súa orixe, contaba con catro canos.
Na parte máis alta da construción, atópase o Escudo Imperial de Carlos I e, a ámbolos dous lados, na parte baixa, dous do bispo que ordenou as obras.
Tanto Concello, como Cabido e bispo están de acordo en poñer en marcha en 1565, seguindo os ditados de Trento, o Real Seminario Conciliar de Santa Catalina. Así, en 1573 o Seminario está en marcha. Atopábase nos números 1 e 2 da antiga Rúa do Colexio, hoxe Rúa Afonso VII.
Este primeiro edificio logo queda obsoleto, co que se procede ao seu traslado. O bispo Francisco Losada y Quiroga será o artífice do novo, afrontando a súa construción nunha horta de propiedade episcopal chamada de “O Torrillón”.
A primeira fase do actual edificio constrúese entre os anos 1770 e 1775. Constaba dun único claustro con planta baixa e primeiro andar.
Durante o século seguinte (XIX), este lugar sofre múltiples avatares xa dende os comezos. Así, en 1809 será o acuartelamento das tropas francesas en Mondoñedo e, en 1836, durante as Guerras Carlistas, tamén será aproveitado de novo para uso militar.
Pola contra, entre 1888 e 1889 procédese a unha ampliación do edificio construíndo un segundo andar.
No século XX dobra a súa capacidade. Agora, en primeiro lugar, construirase un novo pavillón para a mordomía, cociña, despensa e refectorio e, posteriormente, entre 1947 e 1953, levaranse a cabo novas obras, co fin de duplicar a capacidade do Seminario. Deste xeito, constrúese un novo claustro e unha grande capela.
Actualmente o edificio posúe dous claustros e un pavillón con dous e tres andares. No interior alberga varias capelas e unha biblioteca onde se gardan obras de grande interese, entre as que destaca algún incunable.
A partir do século XVI, o poder laico establécese en dúas casas reformadas para tal fin. As obras de acondicionamento rematarán en 1569. O Escudo Imperial que se conserva hoxe na fachada que dá á praza data do ano 1575. No 1582 remátase a edificación con cinco canos para evacuar auga do tellado.
A última reforma na fachada ten lugar no século XVIII. Trátase da construción do balcón de ferro forxado que dá á Praza da Catedral.
Na súa fachada oriental, consérvase unha imaxe de madeira policromada do século XVIII que representa a San Roque.
Esta edificación é un antigo Pazo do século XVIII (1747) onde se localizaba a sé do Rexemento Provincial de Mondoñedo.
O edificio presenta unha planta cuadrangular con tres fachadas de pedra de granito onde podemos encontrar dous escudos: un Escudo Real e o Escudo da Cidade.
Sobre a parede esquerda do edificio estivo apoiada a muralla que rodeaba a cidade e, na zona caleada, albergouse a capela das Angustias, que lle daba nome ao arco que se localizaba nese lugar.
Este edificio, que acolle as dependencias municipais dende o ano 1932, tivo a súa última reforma na década dos 90 do século XX.
En orixe, a parroquia da cidade estaba situada dentro da catedral e, tras varios intentos de independizala da mesma, pois considerábase preciso esa retirada, acádase baixo a rexencia do bispo Fernández de Castro.
Esta nova igrexa parroquial de Santiago comézase a construír en 1890 e é inaugurada en 1901. Pertence ao estilo Neogótico. O arquitecto encargado de construír a igrexa é Nemesio Cobrero.
Hoxe consérvase tal e como foi construída. Foi a última gran construción eclesiástica e, por ese feito, coñécese en Mondoñedo como a “Igrexa Nova”
A ermida orixinal de Nosa Señora dos Remedios da Pena de Outeiro data do século XVI sendo xa un centro importante de devoción mariana.
Despois dun primeiro intento de reforma no século XVII, levarase a cabo unha reconstrución total no XVIII.
O edificio actual, realizado por orde do bispo Sarmiento, constrúese tras derruír o anterior, entre 1733 e 1738. Esta obra conta coa dirección do arquitecto Frei Lorenzo de Santa Teresa, mestre de obras do convento de San Pedro de Alcántara, malia que as liñas básicas foron trazadas polo propio bispo.
A edificación resultante é unha igrexa con planta de Cruz Latina e Sancristía detrás do Altar Maior. Así mesmo, as naves, brazos do cruceiro, e Capela Maior cubriranse con bóvedas de canón e a disposición do transepto terá forma ortogonal.
A fachada principal non se rematará ata o 1755 cando o bispo xa tería finado.
Da construción orixinal consérvase un lintel enriba da porta lateral da fachada dereita, que amosa o escudo do bispo fundador da mesma: D. Francisco de Santa María Benavides (século XVI).
O Cemiterio Municipal antigo era onde se levaban a acabo as inhumacións da cidade. Este lugar, ademais de albergar as tumbas dos máis ilustres persoeiros mindonienses, ten a particularidade de contar con varios espazos diferenciados nos que se soterraban as distintas clases sociais da cidade.
Así, na parte máis alta, están os grandes panteóns onde se situaban as clases altas. Na parte central, están as clases medias e, na baixa, soterradas no chan, están as persoas máis humildes. Ademais disto, nun dos laterais, conta cun cemiterio civil onde se soterraban todos aqueles que non foran bautizados ou que se declarasen ateos.
Entre as tumbas dos persoeiros que podemos atopar alí destacan os escritores Álvaro Cunqueiro, autor de obras como Merlín e Familia, e Leiras Pulpeiro e os músicos Pascual Veiga, autor da música do Himno Galego, ou o José Pacheco, Mestre de Capela da Catedral Mindoniense.